A Asemblea ratificou por unanimidade a candidatura formada para presentarse as próximas eleccións do 24 de maio.
A candidata socialista, Verónica Tourón, mostrouse moi agradecida polo apoio recibido por parte da asemblea e satisfeita coa candidatura conformada. Unha candidatura onde “intentamos combinar a experiencia coa xuventude e que a vez sexa representativa da diversidade social de Salceda”.
Dende a executiva socialista “seguimos co compromiso de igualdade que o PSOE incorporou os seus estatutos, polo que a candidatura de Salceda ás próximas eleccións municipais está composta por un 50% de mulleres e outro 50% de homes. Unha candidatura completa cos 13 titulares e o máximo de suplentes permitido, 23 persoas comprometidas coa vila e co compromiso primordial de darlle solucións ós problemas reais de Salceda.
Unha candidatura renovada pero que tamén conta coa experiencia de persoas xa implicadas no proxecto socialista como a anterior candidata e actual portavoz socialista Marina Cabaleiro, a cal afirmou que: “ Verónica Tourón ten unha ampla experiencia pois colaborou en todos os proxectos que os socialistas desenvolvemos no concello, liderando por exemplo o proxecto do CDL O Torrón, polo que ten un gran coñecemento da xestión municipal. Hai que deixar paso a unha nova xeración, preparada e con formación que chegan con moita forza e ilusión. Estou orgullosa de que me suceda no posto de candidata pois creo que vai proporcionar ademais da súa experiencia unha forma renovada de ver e facer política”.
Rodrigo Martínez, secretario xeral dos socialistas de Salceda será o número 2 da candidatura, o que subliña “conformamos un equipo de traballo de forma conxunta, entre todos os que forman a lista, xunto cos militantes, así como moitas outras persoas e entidades que xa están a colaborar no noso proxecto. Este equipo xa comezou a traballar de forma multidisciplinar en diferentes ámbitos para elaborar un proxecto de goberno para Salceda cos veciños e para os veciños, no que todos se vexan reflectidos”.
Verónica Tourón, explica “Comprometinme a encabezar este proxecto porque quero ofrecer unha nova maneira de política de servizo público, máis humana e máis cercana, unha forma de facer política para as persoas e coas persoas, co diálogo e a participación dos veciños como ferramenta diaria de goberno, garantindo a liberdade e a igualdade dos cidadáns, pensando en todos por igual”.
“Creo que temos unha alternativa seria para gobernar Salceda, con un proxecto sólido e viable. Non se pode facer un bo goberno sen boa xente, pero tampouco sen boas ideas, estou segura que conformamos un equipo con estas dúas claves que nos levarán a ter un bo goberno en Salceda se os veciños así o consideran”, expón a candidata do partido socialista de Salceda, Verónica Tourón.